O Firefox 22 avanza no desenvolvemento da web como plataforma para aplicacións

martes, 25 de xuño do 2013 Marcus Fernández

A actualización do navegador web de Mozilla para equipos informáticos xa está dispoñible para a súa descarga en galego nas súas versións para Windows, OS X e Linux, incorporando toda unha serie de importantes novidades que supoñen a consolidación de prestacións que levaban meses probándose e que potencian o uso da web como unha plataforma máis interactiva, de xeito que non precisaremos de aplicacións informáticas independentes para poder correr xogos con gráficos 3D, realizar videoconferencias ou compartir arquivos.
Para esta potenciación das aplicacións web o Firefox 22 activa de xeito predeterminado o soporte de WebRTC (facilitando as comunicacións multimedia en tempo real) e mellora a súa solución de JavaScript incorporando un subconxunto desta linguaxe que facilita a execución de aplicacións intensivas como xogos 3D e procesado fotográfico sen ter que empregar engadidos; aínda que tamén inclúe novas melloras na integración de plataformas sociais, permite realizar axustes na reprodución de audio e vídeo HTML5, respecta as opcións de escalado á hora de debuxar o texto en pantallas de alta resolución baixo Windows, amosa o progreso das descargas na icona do Dock en OS X e engade numerosas melloras menores e correccións de erros como é habitual en cada iteración destes software.

PUBLICIDADE