O Consello da Xuventude publica unha guía dixital para acadar un Nadal máis galego e máis verde

mércores, 16 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

O Nadal non ten porqué ser esta festividade de luceciñas, de árbores arrincadas de mala maneira para dous días de adobío e de carreiras por ver quen chega primeiro a mercar un agasallo que logo remata no caldeiro do lixo. Se o outro día falabamos nesta mesma web da proposta de información dixital de ADEGA para acadar uns festexos de Nadal que aposten polo agasallo con cabeciña e polo respecto pola natureza, agora é a quenda de facer mención da iniciativa do Consello da Xuventude Galicia, que vén de presentar, un ano máis, un recurso dixital (O noso Nadal, galego e verde) para alentar á sociedade a acadar uns festexos que fagan o menor dano posible, medioambiental, económica e culturalmente falando. Coa edición da guía, que xa podemos descargar en PDF, o CXG busca comprometer ao maior número de persoas á hora de vivir un Nadal propio, que sexa máis autóctono, e a gozar destas datas xunto coa xente que se quere e respectando o medio natural e as tradicións.
A publicación, informa o CXG, consta de dúas partes: a guía de galego e a guía verde. A parte de galego inclúe interesantes textos de Séchu Sende, Paula Carballeira, Marcus Fernández e o equipo responsable do proxecto Orella Pendella. Ademais, incorpora unha serie de recomendacións para agasallar produtos culturais en galego e información sobre diferentes roteiros literarios.
A parte verde presenta artigos de María Carmen Fidalgo (Amarante), Juan Marcos Pérez Gulín (Fundación Galicia Sustentable), Xosé María García Villaverde (Verdegaia), Rebeca Carreiro (Amigos da Terra) e Adrián Serantes (proxecto Xanela aberta). Ademais, inclúe información sobre As termas de Bande, un lugar de interese. Asemade, a guía tamén achega menús tradicionais galegos para gozar neste Nadal e en contraposición a costumes e hábitos que pouco ou nada teñen que ver con nós mesmos.

PUBLICIDADE