O Consello da Cultura analiza esta semana a dixitalización nas institucións da memoria

martes, 5 de maio do 2015 Redacción

Como xa anunciamos dende Código Cero, o Consello da Cultura Galega (CCG) acolle os días 6 e 7 de maio) as xornadas Converxencia dixital das institucións da memoria, na que se abranguerán temas como a introdución do contexto dixital nas chamadas institucións da memoria, como poden ser os arquivos, museos ou bibliotecas. Francisco Díaz-Fierros (vicepresidente do CCG) e Gabriel Quiroga (membro do comité científico) serán os encargados de inaugurar o evento mañá ás 10 horas. Engadir que xa ten o aforo cuberto.
Nesta xuntanza, á que asistirán representantes de institucións tan senlleiras como o Museo do Prado, o Arquivo Histórico Provincial de Huesca, a Filmoteca de Cataluña ou os museos en rede CERES e BIMUS, exporase o panorama actual que ten que ver coa selección, adquisición, tratamento, acceso e preservación no tempo do seu patrimonio. Os responsábeis destes centros explicarán os proxectos de integración e dixitalización que acometeron nos últimos tempos e nos retos de futuro.
A xornada dará a coñecer as experiencias que xa están en marcha: centros que traballan con patrimonio cultural nado dixital, centros xa existentes que teñen que dixitalizar o seu patrimonio, arquivos municipais ou estatais… No marco do programa, María Carrillo explicará a experiencia das coleccións de museo en rede como son CERES e BIMUS. Javier Docampo Capilla explicará a integración de servizos documentais e difusión web do Museo do Prado entre 2005 e 2015. Mar García Miraz pechará o programa ARPAD: o Proxecto de Arquivo Dixital Integrado da Xunta de Galicia.
Asemade, nunha vertente máis teórica, Miriam Vieira da Cunha (Universidade Federal de Santa Catarina en Brasil) falará das implicacións das mudanzas do mundo dixital no facer dos profesionais da información. Pola súa banda, María Manuela Pinto (Facultade de Letras da Universidade do Porto) achegará un relatorio titulado Da institución á preservación da memoria: a mudanza sobre un novo paradigma.

PUBLICIDADE