Ábrese o prazo de inscrición para o seminario sobre a dixitalización das institucións da memoria

luns, 20 de abril do 2015 Redacción

Resgardar no tempo o noso patrimonio e que fique a salvo na memoria futura mediante a dixitalización é a misión do encontro que o Consello da Cultura organiza para os vindeiros 6 e 7 de maio nas xornadas Converxencia dixital das institucións da memoria, para o cal está aberto o prazo de inscrición cun aforo de cen prazas. Emporiso, a esta xuntanza acudirán diversas entidades como o Museo do Prado, o Arquivo Histórico Provincial de Huesca, a Filmoteca de Cataluña, os museos en rede CERES e BIMUS… que participarán nun encontro encamiñado a dar a coñecer a situación actual no que ten que ver coa selección, adquisición, tratamento, acceso e preservación no tempo do seu patrimonio.
Os responsábeis destes centros explicarán os proxectos de integración e dixitalización que acometeron nos últimos tempos e nos retos de futuro.
En canto a Internet e á dixitalización, Gabriel Quiroga (membro do comité científico desta cita) opina que o “o acceso dixital permite reconstruír virtualmente a unidade do patrimonio cultural, até agora fragmentada por múltiples localizacións, titularidades e centro”. Pero tamén insiste en que hai ameazas: “Os usuarios gañan accesibilidade pero perden o contacto directo cos obxectos culturais, que o son por referencia a algo. Así, estes poden perder tamén o seu significado, moitas veces ligado a un conxunto, a un lugar, a unha institución; e os profesionais corren o risco de perder os sinais de identidade de cada profesión, ligados ás particularidades que presenta o tratamento de cada sector cultural”.
A xornada está encamiñada a coñecer as experiencias que xa están en marcha e con todo tipo de casuísticas: desde centros que traballan con patrimonio cultural nado dixital, centros xa existentes que teñen que dixitalizar o seu patrimonio, arquivos municipais ou estatais… No marco do programa, María Carrillo explicará a experiencia das coleccións de museo en rede como son CERES e BIMUS. Javier Docampo Capilla explicará a integración de servizos documentais e difusión web do Museo do Prado entre 2005 e 2015. Mar García Miraz pecha o programa ARPAD: o Proxecto de Arquivo Dixital Integrado da Xunta de Galicia.
Nunha vertente máis teórica, Miriam Vieira da Cunha (Universidade Federal de Santa Catarina en Brasil), falará das implicacións das mudanzas do mundo dixital no facer dos profesionais da información. Estará tamén María Manuela Pinto (Facultade de Letras da Universidade do Porto), quen achegará un relatorio titulado Da institución á preservación da memoria: a mudanza sobre un novo paradigma.

PUBLICIDADE