O Compostweets chega á súa terceira edición

xoves, 21 de marzo do 2013 Marcus Fernández

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia en Santiago de Compostela acolle este venres a celebración do III Encontro Anual de Social Media en Galicia coñecido como Compostweets, que nesta ocasión concentra a súa actividade nunha sesión de tarde que botará a andar ás 14:15 horas nun acto de apertura na que Raquel Lemos Publiwoman desenvolverá unha acción de networking que conducirá a un relatorio de Rodolfo Carpintier no que explicará como Internet pode salvar a túa empresa ou... afundila, e que será o prato forte deste evento no que os profesionais galegos do sector das redes sociais danse cita.
Repetindo a experiencia do ano anterior, ás 18:05 horas exporanse seis proxectos baseados na Internet que tras pasar unha fase de selección están a gozar dun proceso de titorización por parte dun grupo de mentores que abordan catro aspectos básicos: a análise do produto/servizo, a estratexia de comunicación, a xestión e execución do proxecto e o seu financiamento. Encargaranse destas exposicións Itziar Villar (Twin Shoes), Diego Carracedo (Marcasparapymes.com), César González (Felicitame.es), Marcos Pereira (Escompring), José Tamarit (ISENDYOU.TV) e Alexis Vegas (Nuuuki), recibindo o gañador formación a través da Escola Europea de Negocios grazas a un acordo coa AJE Galicia.
Para pechar o encontro, o director de Social Media e SEO de Elogia, Rubén Bastón, impartirá unha conferencia sobre o marketing dixital como acelerador das ventas en liña.
A presente edición do Compostweets está arroupada por varias actividades fóra de programa, como un xantar no restaurante Barrigola e unha Compostnight para rematar a xornada cunha sesión de networking nocturno. Tamén cómpre destacar que para facer un seguimento en tempo real ou, simplemente atopar a localización do CNTG, o evento conta cunha aplicación oficial de balde para iOS desenvolvida por Bits for Meetings.

O Compostweets 2013 conta cunha aplicación oficial de balde para iPhone

PUBLICIDADE