O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia aposta pola Rede segura para a infancia

mércores, 4 de novembro do 2009 Redacción

O Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), a través dun convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, organiza as Xornadas sobre Sistemas de Uso Seguro da Internet na Infancia. Vixilancia e Control do Uso de Internet que se celebrarán, con carácter gratuíto, nas principais cidades galegas durante o mes de novembro e estarán dirixidas fundamentalmente a Asociacións de Nais e Pais de Alumnos dos centros escolares e/ou asociacións culturais interesadas.
Estes talleres teorico-prácticos teñen a finalidade de concienciar ao colectivo de pais e nais sobre os usos e riscos das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), así como facilitar os medios necesarios para aprender os métodos de control do uso da Internet, sen que por iso se impida o acceso á Sociedade da Información.
Os cursos abordarán tres grandes áreas temáticas (o control de contidos de Internet, o manexo das ferramentas existentes e o control parental) e versarán ademais sobre a posibilidade de establecer filtros nos computadores persoais dos fogares.
As xornadas serán impartidas por enxeñeiros de telecomunicación expertos na materia, que analizarán e amosarán os puntos vulnerables dun computador, así como métodos de control das actividades realizadas (páxinas visitadas, chats, redes sociais, etc).
O calendario das xornadas é o seguinte:
- Luns 9 de novembro. LUGO: Telecentro do Centro Social Lamas de Prado. Praza de Castiñeiro s/n
- Martes 10 de novembro. SANTIAGO: Telecentro do Centro Multimedia de Galicia R/ Hórreo, 61
- Mércores 11 de novembro. A CORUÑA: Telecentro da Biblioteca púb. MGG R/ Miguel González Garcés,1
- Xoves 12 de novembro. VILAGARCIA: Telecentro do Obradoiro municipal de emprego Avda.Matosinhos, 1
- Luns 16 de novembro. PONTEVEDRA: Telecentro da Fac. CC e da Comunicación Campus A Xunqueira, s/n
- Martes 17 de novembro. FERROL: Centro cultural Torrente Ballester R/ Concepción Arenal, s/n
- Mércores 18 de novembro. OURENSE: Telecentro Delegación Xunta -Edificio Chocolate- R/Habana 79, 3ª
- Xoves 19 de novembro. VIGO: Telecentro do Edificio do Concello. Praza do Rei nº 1
Cada día impartiranse dúas quendas: 16.00 horas e 18.30 horas

PUBLICIDADE