O CiTIUS celebrará a semana que vén unha nova xornada Inside the Lab

luns, 25 de xuño do 2018 Redacción

O venres 6 de xullo as instalacións do CiTIUS acollerán a xornada Inside the lab 4, unha nova edición do encontro co mundo da empresa e as administracións públicas que cada verán regresa ao Centro Singuar de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC, confiando en atraer de novo ao público máis especializado para seren quen de trasladarlle as vantaxes competitivas dos seus resultados de investigación.
Durante toda a mañá, os asistentes terán a oportunidade de descubrir unhas tecnoloxías que contan xa cun grao óptimo de innovación e madurez, o que as converte en candidatas ideais para ser transferidas. Entre as 10:00 horas e as 14:00 horas, distintos puntos de información repartidos polo centro destacarán algunhas das múltiples aplicacións coas que contan estes sistemas, tanto a nivel social como industrial.
Á xornada asistirán tamén responsables das dúas spin-offs creadas por investigadores do CiTIUS: Situm, que centra a súa actividade nas tecnoloxías de xeoposicionamiento en interiores, e Imagames, orientada ao desenvolvemento de solucións de gamificación en diversos dominios como a formación de empregados, as técnicas de aprendizaxe electrónica, ou a mercadotecnia dixital.
As persoas interesadas en participar neste encontro deberán inscribirse antes do 5 de xullo.

PUBLICIDADE