O CiTIUS celebra mañá unha completa xornada de demostracións
xoves, 2 de xullo do 2015
Mañá celebrarase no Centro
Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) o encontro Inside The Lab, unha xornada de
presentación de tecnoloxía na que se amosarán os resultados de investigación
únicos obtidos ao longo dos últimos anos nese centro senlleiro da Universidade
de Santiago de Compostela (USC), moitos deles á vangarda da innovación mundial.
O obxectivo fundamental desta demostración é presentar algunhas das solucións
de alta calidade que actualmente nutren a oferta tecnolóxica do centro, con
aplicacións en múltiples eidos da actividade industrial.
O traballo
desenvolvido nos laboratorios do CiTIUS está a transformar resultados científicos en
tecnoloxías innovadoras, o que representa unha extraordinaria oportunidade para
o sector empresarial, xa que achega valor ao tecido produtivo e contribúe á
mellora da calidade de vida.
Inside The Lab levarase a cabo ao longo da mañá do venres (entre as
10 e as 14 horas), e a súa estrutura reproducirá o formato dunha xornada de
portas abertas, polo que non haberá unha axenda con horarios prefixados. Á súa
chegada, os visitantes recibirán un plano coa situación dos distintos puntos
informativos.
En total
serán 16 demostradores científicos os que se amosarán, incluíndo 2 spin-off do
centro: Cilenis,
especializada en tecnoloxías da linguaxe, e Situm, cuxo núcleo de negocio son as tecnoloxías de
xeoposicionamento en interiores. Toda unha exhibición de sistemas innovadores
que abranguen ámbitos de aplicación tan diversos como a diagnose asistida a
través de imaxe médica 3D, a utilización de sensores intelixentes en
agricultura ou o control de calidade mediante a análise de imaxe espectral.
Serán os
propios emprendedores quen presenten os produtos comerciais que ambas as dúas startups teñen
actualmente non mercado, defendendo ante os visitantes as vantaxes de apostar
por estas compañías e para participar nesta xornada, é preciso inscribirse previamente.
Atención visual inspirada na atención humana
Un dos proxectos que se
demostrará na xornada é un sistema de atención visual inspirado no mecanismo
natural de humanos e animais que se reproduce de xeito artificial mediante un
modelo informático que evolucionou dende o tratamento de imaxes estáticas até a
simulación da atención visual ante secuencias en movemento.
Este proxecto no que participa Xosé Manuel
Pardo López, profesor da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos da USC, conta
xa cunha tecnoloxía base “pero agora hai que construír aplicacións específicas
que respondan ás necesidades específicas que poidan deter as empresas”, de
aí que estean formulando a posibilidade de crear unha spin-off para desenvolver o produto que podería empregarse para o
deseño de páxinas web (simulando as partes da web nas que o ollo humanos fixa a
atención), para utilidades biomédicas (como detectar enfermidades dexenerativas
en persoas maiores) ou incluso para facer máis efectivos sistemas de vídeo-vixilancia.