O Centro Nacional de Comercio Electrónico fomentará a formación en liña avanzada

xoves, 10 de xullo do 2014 Redacción

A Escola de Organización Industrial en Madrid

Os ministerios de Industria, Educación e Empregaron amosaron este xoves as vindeiras funcionalidades e obxectivos do Centro Nacional de Comercio Electrónico e Marketing Dixital, froito dun acordo asinado hoxe entre os tres departamentos e destinado a fomentar a formación de profesionais e mailo emprendemento nos devanditos eidos do ecommerce e a mercadotecnia en liña. Isto, sinalaron, farase a través da posta en marcha de programas formativos que se procurarán en máxima sintonía coas demandas presentes e futuras da economía dixital. O centro, sinalaron, quere responder á realidade cambiante da economía dixital, atendendo a un proceso recente de dixitalización económica e social que chegou con máis forza da que se cría e que se prevé aínda máis ampla.
Segundo informaron, “está a xerarse unha forte demanda de profesionais con novas competencias dixitais orientadas ao negocio, e por tanto requírense medidas para adaptar a oferta de formación, de prácticas e de cualificación á realidade demandada polas empresas”. Polo tanto, entre os obxectivos do Centro de Referencia Nacional inclúese o de impulsar o emprego no sector da economía dixital mediante a identificación dos perfís máis demandados en comercio electrónico, mercadotecnia e relacións públicas; a formación ou recualificación dos profesionais para orientalos ás novas saídas laborais; a potenciación do recoñecemento profesional e académico das novas profesións que xurdiron no sector e o fomento das iniciativas emprendedoras.
A Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, acollerá nas súas instalacións o novo Centro de Referencia e encargarase de xestionar as súas actividades, en colaboración coa entidade pública empresarial Rede.es. A Escola de Organización Industrial tamén porá a disposición do Centro a súa plataforma e recursos de formación en liña, así como a súa rede de profesorado. “O Centro”, engaden os ditos ministerios, “contarán co apoio do sector empresarial, cuxa implicación e colaboración son claves para identificar as competencias e perfís máis demandados, facilitar o acceso de alumnos a prácticas e apoiar no desenvolvemento da iniciativa emprendedora”.


PUBLICIDADE