O Castlevania para Nintendo 3DS podería ter versión para consolas domésticas

luns, 4 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

O 8 de marzo agardamos que chegue ás tendas Mirror of Fate, o segundo xogo da triloxía Castlevania: Lords of Shadow, desenvolvida polo estudo español MercurySteam, que nesta ocasión tomaría forma de xogo exclusivo para Nintendo 3DS, pero este título podería non quedar aí, pois o seu produtor, Dave Cox, confirmou que están a analizar a posibilidade de que o xogo chegase máis adiante para consolas domésticas, engadindo que durante o desenvolvemento de Mirror of Fate as texturas, os niveis e os modelos poligonais elaboráronse en alta definición para despois reducilos para poder correr na 3DS.
Cox chega a dicir que nos estudos de MercurySteam teñen unha versión do xogo en alta definición correndo nun ordenador, polo que o salto de portátil a sobremesa como actualmente están a facer con Resident Evil: Revelations sería posible, e Konami terá que decidir se dan tal salto ou non, aínda que resulta evidente que, de lanzarse para outras consolas distintas ás de Nintendo, sería dentro de bastantes meses, pois a compañía xaponesa estivo moi involucrada no desenvolvemento deste xogo para 3DS.

PUBLICIDADE