O Campus de Ourense acollerá as II Xornadas do Ciclo a Historia no Medio, un achegamento das TIC ás humanidades
venres, 22 de marzo do 2013
A Facultade de
Historia do Campus
de Ourense organizará os días 4 e 5 de abril as II
Xornadas do Ciclo a Historia no Medio baixo o
título A historia a través das novas
tecnoloxías. O eixo central deste
encontro serán
as novas tecnoloxías inseridas no traballo cotián do historiador:
aplicacións para teléfonos móbiles sobre patrimonio,
reconstrucións tridimensionais de pezas ou xacementos, bases de
datos, análises de restos con espectrometría de masas e xeoradares,
accións de divulgación nas redes sociais, creación de contidos
audiovisuais, etc. Este ciclo -organizado por Beatriz Comendador (decana da Facultade de Historia)
xunto coa Delegación de Alumnos e da asociación de titulados e
estudantes do centro Alehou- persegue orientar e fomentar a
adaptación dos perfís dos titulados ás demandas dos empregadores
públicos e privados e complementar a formación dos estudantes fóra
das aulas, con contidos de novo desenvolvemento e que aínda non
están incorporados aos programas de ensino.
Con este encontro de
alumnado e profesionais do sector TIC, as xornadas tamén queren
propiciar o desenvolvemento de colaboracións con empresas e
institucións en campos multidisciplinares e interdisciplinares,
mellorando as expectativas dos estudantes do centro no mercado
laboral.
Emporiso, as intervencións dos
expertos no eido da transferencia e da tecnoloxía -especialmente
vinculados coa área das humanidades- xirarán arredor de catro
puntos que serán: a aplicación das novas tecnoloxías na
investigación e na promoción do patrimonio histórico, territorial
e ambiental; a propiedade intelectual, a transferencia de coñecemento
e a comunicación no ámbito das humanidades e a aplicación das
novas tecnoloxías á interpretación do patrimonio e no sector
audiovisual como ferramenta de difusión cultural. Sinalar que entre
os participantes nestas xornadas estarán a docente Anna Amorós, a
xornalista Comba Campoy, a arqueóloga Alicia Colmenero, o enxeñeiro
en telecomunicacións Martín López Nores, o creativo Xosé Teiga, o
técnico do CESGA Emilio Abad, o investigador Enrique Cerrillo e a
directora da Otri da Universidade de Vigo, Ángeles López.