O Camiño de Santiago no peto grazas a unha aplicación para iPhone/iPod Touch

luns, 10 de maio do 2010 Marcus Fernández

A empresa oleirense Gesbiblo desenvolveu unha aplicación para iPhone e iPod Touch que pode descargarse de balde da App Store e que serve de guía para o peregrino, xuntando numerosa información sobre os diferentes tramos do Camiño de Santiago, incluíndo as etapas, mapas, lugares a visitar, aloxamentos e datos históricos. Non faltan os consellos, un buscador e mesmo a consulta da previsión meteorolóxica dende o propio programa, o que agradecerán enormemente os que estean a facer o camiño cun terminal de Apple no peto ou na mochila.
Xacobeo 2010 é o nome desta interesante aplicación na que traballaron de xeito conxunto Diego F. Goberna (quen realizou o deseño gráfico, o contido e a coordinación con Gesbiblo), Víctor Fernández (que colaborou na preparación dos contidos repartidos en 174 sección en español, galego e inglés) e Borja Santos-Díez (programador desta ferramenta), quen asegura que é posible que preparen unha versión da aplicación adaptada ao iPad.

PUBLICIDADE