O CPETIG quere promover o pensamento creativo dos nosos escolares cun concurso de aplicacións

mércores, 9 de xullo do 2014 Redacción

Programando coa ferramenta Scratch, de gran utilidade para cativos e mestres

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) quere botar unha man aos centros educativos no camiño de atoparen os mellores recursos TIC para o desenvolvemento da capacidade creativa das nenas, nenos e (tamén) profesores. Nesta liña insírese a convocatoria dun concurso de deseño de aplicacións informáticas coa ferramenta Scratch, que vai dirixido aos colexios galegos e que ten o obxectivo de “promover unha aprendizaxe de xeito creativo, o razoamento sistemático e o traballo cooperativo coa comunidade entre as xeracións máis novas”, informa o colexio que preside Marcos Mata.
Polo tanto, estamos ante unha iniciativa que consiste nun reto colectivo pero tamén nunha achega de coñecemento e divulgación. Grazas a esta convocatoria aplicábel ao curso escolar, sinala o CPETIG, alumnos de todos os nosos centros en colaboración cos seus profesores de Tecnoloxía e de Informática “poderán deseñar historias interactivas, xogos e animacións”. Os traballos que se presenten serán avaliados por un xurado encargado de distinguir ás mellores ideas.
O concurso de deseño de aplicacións informáticas do CPETIG conta coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o apoio da Fundación Barrié de la Maza, Coremain, El Corte Inglés, Gadis e Programamos.
Programando con Scratch
Esta iniciativa dá continuidade ós esforzos que se impulsan dende o CPETIG para fomentar as ensinanzas de programación informática, promover a formación de tecnoloxía informática nas aulas, difundir a importancia da informática no desenvolvemento sostible da sociedade da información e mellorar a confianza da sociedade nas ferramentas informáticas
Nesta liña, lembrar que o CPETIG celebrou o pasado mes de abril un curso de formación de desenvolvemento de aplicacións informáticas coa ferramenta Scratch no que participaron máis de 35 profesores non universitarias de Tecnoloxía e Informática de toda Galicia, que foi impartido polos profesores Jesús Moreno León e José Ignacio Huertas Fernández, que contan con máis de 10 anos de experiencia neste eido.

PUBLICIDADE