O curso de Scratch do CPETIG esperta o interese do profesorado galego cunha demanda superior ás prazas dispoñibles

venres, 25 de abril do 2014 Redacción

O curso de Scratch, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), espertou o interese do profesorado non universitario de toda Galicia ao superar a demanda as 35 prazas dispoñibles. Esta actividade formativa, que se celebrará mañá e o próximo venres no Centro Demostrador TIC (CDTIC), en Santiago de Compostela, entre as 16.00 e 20.00 horas, conta coa colaboración da AMTEGA e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O curso está dirixido a profesores non universitarios, especialmente de Tecnoloxía e de Informática, para formalos no desenvolvemento de aplicacións informáticas coa ferramenta de Scratch, ferramenta informática que permite aos usuarios programar historias interactivas, xogos e animacións, e compartilas en liña con outros membros da comunidade, coa que despois se ensinará aos escolares os fundamentos da programación informática.
Esta iniciativa enmárcase nas actividades previstas no convenio de colaboración entre o CPETIG e a AMTEGA, asinado o pasado 2 de abril, e conta coa participación dos profesores Jesús Moreno León e José Ignacio Huertas Fernández, que contan con máis de 10 anos de experiencia.
Jesús Moreno é enxeñeiro técnico en Informática e mestrado en enxeñaría de sistemas telemáticos, con máis de 10 anos de experiencia docente como profesor de informática en secundaria e formación profesional. Actualmente traballa no Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e Formación do Profesorado.
José Ignacio Huertas Fernández é enxeñeiro técnico en Informática e mestrado en enxeñaría de sistemas telemáticos. Conta con 10 anos de experiencia docente como profesor de informática en secundaria e formación profesional. Actualmente traballa no IES Polígono Sur de Sevilla.
O CPETIG, mediante estas actividades formativas, quere contribuír ao fomento e promoción de da sociedade da información e das tecnoloxías da información nos ámbitos da comunidade educativa, sobre todo, entre os máis novos.

PUBLICIDADE