O CPETIG informará das múltiples oportunidades de negocio que xeran os móbiles

mércores, 27 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

Cómpre que ollemos en fite ao noso móbil e que vexamos algo máis que un aparello para facer/recibir chamadas e para espertarnos pola mañá co ton de alarma. No caso de que teñamos coñecementos sobre programación e negocio dixital, os móbiles poden ser o eido de actividade polo que estabamos a agardar. Así o entende o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), que vai organizar a semana vindeira (os días 6 e 7 de maio) unha interesante actividade formativa sobre as opcións de negocio que achegan este tipo de aplicativos.
O curso, aberto a tódalas persoas que desexen ampliar os seus coñecementos sobre mobilidade e sobre actividade empresarial ligada a este concepto, estará coordinado polo director xeral e fundador de TeCHmi e máis cofundador de Slash Mobility, Emilio Avilés.
O emprazamento da cita formativa será o Gran Hotel Santiago, na capital galega, sendo o número de prazas dispoñibles de 25. Por certo que o prazo para formalizarmos a matrícula na actividade remata este 2 de maio.
Polo que respecta ao miolo estrutural da iniciativa, que se insire nun programa conxunto do CPETIG e da Secretaría Xeral de Modernización, dicir que incluirá dous módulos: un a desenvolver no primeiro día e incluíndo contidos sobre tendas de aplicacións móbiles ou ferramentas baseadas no sistema libre Android para terminais, e outro para a derradeira xornada sobre cuestións tecnolóxicas relativas a estes aparellos, sobre redes móbiles ou sobre como acadar de xeito eficaz o retorno do investimento na mobilidade.

PUBLICIDADE