O CPEIG, convidado a participar nos premios cataláns dos profesionais da informática

mércores, 16 de decembro do 2015 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) vai formar do xurado dos galardóns cataláns equivalentes aos que entrega cada ano a entidade que preside Fernando Suárez, cuxa máis recente edición celebrouse este mesmo verán. Os recoñecementos cataláns entregaranse no marco da Nit de les Telecomunicacions i la Informàtica, que se vai celebrar o 18 de febreiro de 2016 no Auditori de Barcelona. As distincións (en cuxo xurado o CPEIG foi convidado a participar) son as seguintes: Premios Salvà i Campillo, Alan Turing e Premio de Honra da Nit. A convocatoria para presentar candidaturas xa está aberta e as bases están dispoñíbel en lanit.cat..
Máis en detalle, ao carón de Fernando Suárez (presidente de CPEIG), no xurado da nova edición dos premios cataláns participará unha extensa listaxe de profesionais e representantes das entidades organizadoras (a Asociación Catalá de Enxeñeiros de Telecomunicación e o Colexio de Enxeñaría Informática de Catalunya). Segundo informa o colexio, os encargados de valorar as candidaturas serán, ademais do representante da entidade profesional galega: Núria Castell, decana da Facultade de Informática de Barcelona da UPC; Pilar Conesa, CEO de Anteverti e Curator do Smart City Expo World Congress; Catalina Grimalt, CIO do Porto de Barcelona e presidenta do Consello de CIOs de Cataluña; Enrique Gutiérrez Bueno, ex presidente do Comité de Sociedade da Información do Instituto de Enxeñaría; Lourdes Muñoz, presidenta de Dones en Xarxa e deputada no Congreso; Mónica Sala, directora de Grandes Contas en Orange; José Emilio Serra de Fortuny, Customer Satisfaction, Quality and Business Development VP en Schneider; Mateo Valero, director do Centro de Supercomputación de Barcelona; Josep Ventosa, director de Estratexia e Desenvolvemento de Negocio en Cellnex; Mingo Olmos, decano del COEINF; Pedro Linares, presidente de Telecos.cat; Miquel Boix, vicedecano de Presidencia Executiva do COEINF; e Xavier Clotet, vicepresidente de Telecos.cat.
O xurado deberá seleccionar, entre as candidaturas presentadas, as gañadoras das seguintes categorías: Premio Salvà i Campillo á Personalidade Destacada (persoa que contribuíu de maneira notábel á potenciación ou divulgación da Electrónica, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación ou o Audiovisual), Premio Salvà i Campillo ao Novo Emprendedor (persoa nova con capacidade emprendedora á hora de poñer en marcha unha iniciativa empresarial de éxito ou innovadora no ámbito da Electrónica, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación ou Audiovisual), Premio Alan Turing ao CIO do ano (recoñecemento ao CIO, Chief Information Officerm, que destacou polo seu labor profesional), Premio Alan Turing ao Compromiso Social (persoa impulsora dunha iniciativa ou proxecto innovador cun impacto social positivo, que achegue valor á sociedade nos ámbitos da cidadanía, o medio ambiente, a cultura ou a integración social) e Premio de Honra (persoa cunha ampla e destacada traxectoria profesional relacionada coa Electrónica, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación ou do Audiovisual no ámbito técnico , académico , empresarial ou institucional).

PUBLICIDADE