O CPEIG celebrou a VII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia salientando o mellor do sector

venres, 26 de xuño do 2015 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou hoxe no Hotel-Monumento San Francisco (Santiago de Compostela) a VII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, un acto no que fixo entrega dos premios anuais e no que se reforza o espírito de pertenza a un colectivo con demandas e intereses comúns. Unhas 250 persoas participaron na gala, á que asistiron a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; autoridades académicas; unha representación do empresariado TIC e colexiadas e colexiados.
Na súa alocución aos presentes, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, subliñou “o compromiso da profesión, claro e irrenunciable, de construír unha sociedade da información centrada na persoa, inclusiva, e onde todos poidan crear, acceder, utilizar e compartir a información e o coñecemento para permitir a persoas, comunidades e pobos acadar o seu pleno potencial”, ao que engadiu palabras máis reivindicativas ao apuntar que “é chegado o momento de poñer en valor as capacidades dos profesionais da Enxeñaría en Informática no nivel corporativo axeitado”.
Suárez Lorenzo afondou nesta idea e manifestou que “as universidades españolas estiveron formando excelentes enxeñeiros en Informática infrautilizados polas organizacións, entre outras causas polo caos regulatorio e a falla de profesionalidade”.

Galardóns

Durante a gala fíxose acto de entrega dos premios anuais do CPEIG a través do que distinguen a entidades, persoas e empresas polas súas contribucións á Enxeñaría en Informática:
· Premio Proxecto Fin de Carreira: Jesús Peón López, polo proxecto Plataforma de Identificación Biométrica en Emerxencias Santiarias. Permite identificar os pacientes que requiren de atención sanitaria empregando sistemas biométricos, como a pegada dixital e patrón intravenoso dixital.
· Premio Iniciativa Emprendedora: Teimas Desenvolvemento, empresa de desenvolvemento software orientada a produto, que leva adiante a súa actividade no sector ambiental.
· Premio e-Inclusión: Grupo Promedia, pola súa aposta pola integración, a través das novas tecnoloxías, das persoas con diferentes problemas da linguaxe.
· Premio Ada Byron: Eva Dafonte, enxeñeira superior informática que traballa na actualidade na Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra.
· Premio Apoio á Iniciativa Emprendedora: Telefónica Galicia Open Future, proxecto tractor que, mediante a convocatoria de emprendedores, impulsa a innovación tecnolóxica en sectores estratéxicos para Galicia.
· Premio Traxectoria Profesional: Benigno Rosón, subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
· Premio Iniciativa da Administración: Colaboración da AMTEGA e a Consellería de Educación na realización do Estudo sobre os Factores Influentes na Elección de Estudos Científicos, Tecnolóxicos e Matemáticos.
· Premio Iniciativa Empresarial: Centro Tecnolóxico de Inditex.
O epicentro tecnolóxico de Inditex conta cunha superficie construída de 4.000 metros cadrados e está dotado coa última tecnoloxía que garante a máxima seguridade en termos de fiabilidade da infraestrutura e a maior eficiencia enerxética posible.
· Colexiado de Honra: Miguel Anxo Ríos Fernández, presidente da Real Academia Galega das Ciencias, pioneiro en Galicia no uso da Informática na investigación.

Implicación da Xunta para incentivar as vocacións tecnolóxicas do alumnado

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e a directora da AMTEGA, Mar Pereira, recolleron hoxe o Premio Iniciativa da Administración, un galardón outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia pola elaboración do Estudo dos Factores Influentes na Elección de Estudos Tecnolóxicos en Galicia.
Trátase dun documento que permitirá identificar as causas da baixa matriculación en estudos tecnolóxicos (tan só o 9% dos futuros universitarios galegos apostan por esta vía) e propoñer, en consecuencia, posibles medidas de impulso para fomentar o atractivo destas carreiras e difundir as súas diversas saídas laborais.
Ademais de agradecer o galardón recibido, o conselleiro Román Rodríguez lembrou o compromiso do Goberno da Xunta coa integración das TIC nos centros educativos galegos a través de proxectos como o Abalar, o E-dixgal ou o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), encamiñados a superar a brecha dixital e lograr a equidade no ensino. Esta aposta polas TIC tamén se visualiza no investimento de máis de 11 millóns de euros que se destinará a dixitalizar o 100% das aulas do ensino público de Galicia a partires de 5º de Primaria.
Pola súa parte, Mar Pereira sinalou que o sector tecnolóxico é unha das áreas con maior potencial de emprego a futuro, con máis de 100.000 novos empregos ao ano en Europa. Por iso é preciso coñecer porque máis do 90% dos futuros universitarios desbotan encamiñar o futuro laboral cara esta área.

Premio á Traxectoria Profesional 2015

Benigno Rosón Calvo, subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, recolleu hoxe, na capital de Galicia, o premio Traxectoria Profesional 2015, do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, polo seu decisivo papel no deseño do futuro modelo de sanidade pública da nosa comunidade. O premio foille entregado pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez.
O Colexio de Enxeñaría destaca do galardoado que, dende a súa Subdirección Xeral na Consellería de Sanidade, desenvolvéronse, nos últimos anos, proxectos de gran repercusión tecnolóxica e asistencial, como a informatización da historia clínica electrónica, a implantación da receita electrónica, ou os proxectos europeos Hospital 2050 e Innova Saúde.
Na súa intervención, Benigno Rosón agradeceu a distinción á xunta directiva e aos colexiados que representan. Así mesmo, manifestou o seu orgullo por recibir un recoñecemento dos seus compañeiros de profesión, “unha profesión nova pero xa con moita experiencia. Unha profesión eminentemente tecnolóxica pero que, tamén, desenvolve importantes funcións de planificación estratéxica, dirección e xestión, e que axuda ás administracións e empresas a seren eficientes”.
Segundo o subdirector xeral, a enxeñaría informática é unha profesión “que sabe compartir espazos con outras profesións, e que, especialmente en Galicia, participa en proxectos de gran valor tanto dende o entorno público como dende o privado”. En definitiva, -destacou- “unha profesión que co seu traballo e esforzo tenta facer máis doado o día a día de moitas persoas”.
Benigno Rosón rematou a súa intervención facendo un recoñecemento a todos os seus compañeiros de Sanidade, “posto que este premio recoñece o esforzo dun grupo importante de persoas que cre que, dende o entorno público e aplicando as tecnoloxías da información, se pode mellorar a calidade de vida e a saúde das persoas”.

PUBLICIDADE