O CPEIG avanza nos preparativos da súa quinta Noite da Enxeñaría en Informática, o 4 de outubro

venres, 20 de setembro do 2013 Redacción

Sen dúbida que os nosos profesionais TIC, sexan por conta propia ou traballen en empresas e no sector público, teñen unha cita ineludíbel o vindeiro 4 de outubro en Santiago de Compostela. Unha desas citas nas que ademais, soe agromar o xermolo colaborativo de futuros proxectos tecnolóxicos beneficiosos para o sector e, claro, para o país. Falamos da Noite da Enxeñaría en Informática que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, e que vai xa pola súa quinta edición. Por certo que paseniño pero sen pausa fomos informados de quen terá recoñecemento nos premios que acubilla a Noite, que son por así dicilo o seu broche de ouro. Estes galardóns, fallados polas colexiadas e colexiados, irán parar este ano a SetPay, Susana Ladra, Roberto Baratta, a asociación PuntoGal, a iniciativa Rede de Escolas na Nube e máis a Deputación de Pontevedra.
Segundo informa o CPEIG, a festa da informática galega reunirá en Compostela a arredor dunhas 250 persoas, “todas elas colaborando e compartindo impresións baixo un interese común, que é o da Informática e a defensa da profesión”. A gala, por certo, será presentada polo mentalista Xavier Luxor. Coma nas edicións previas, o Colexio contará co patrocinio de diversas empresas TIC e institucións relacionadas co eido tecnolóxico-dixital apoiando a organización e desenvolvemento da gala. Entre os patrocinadores de ouro atopamos a Altia Consultores, A Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Bahía Software, Emetel, Everis, HP-Intel, Indra, Plexus, e Telefónica. Entre os patrocinadores de praza están Asesores Locales, Balidea, Concello de Santiago de Compostela, Deputación da Coruña, Fortinet, IECISA, Imatia Innovation, Inycom, Oracle, PWC, Secretaría Xeral de Igualdade, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Tecnocom e Vodafone.
A continuación, sinalamos máis en detalle as modalidades de premios que se conceden na presente edición e os seus gañadores:
· Premio Proxecto Fin de Carreira: será coñecido durante o presente mes de setembro.
· Premio Traxectoria Profesional: ao enxeñeiro informático Roberto Baratta, responsable de seguridade de NovaGalicia Banco e CISO 2012.
· Premio Ada Byron: a enxeñeira e doutora en informática Susana Ladra, galardoada co Primeiro Premio Nacional de Fin de Carreira de Enxeñaría Informática do Ministerio de Educación, co Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade da Coruña e co Premio á mellor tese doutoral no campo da Recuperación da Información.
· Premio Iniciativa Emprendedora: Proxecto Rede de escolas na nube, impulsado polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a empresa Balidea e orientado a proporcionar servizos de computación cloud para mellorar a aprendizaxe e a colaboración na escola rural.
· Premio Iniciativa da Administración: Deputación de Pontevedra, polo seu proceso de modernización tecnolóxica no que se enmarcan diversas accións que melloran a calidade de vida da poboación a través do uso das novas tecnoloxías.
· Premio Iniciativa Empresarial: SetPay, solución que se basea nos cobros con tarxetas desde o mobil. É o unico sistema en España que adopta validación por PIN.
· Mención especial para a Asociación PuntoGal: pola recente consecución do dominio .gal, que representa un decidido impulso para a difusión e coñecemento da lingua e cultura de Galicia.

PUBLICIDADE