O CPEIG recoñece á SetPay co seu galardón á Iniciativa Empresarial

martes, 20 de agosto do 2013 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) acordou premiar a empresa galega SetPay co galardón Iniciativa Empresarial, tendo lugar a entrega do devandito recoñecemento durante a celebración da quinta edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o vindeiro 4 de outubro en Santiago de Compostela.
SetPay é unha solución baseada nos cobros con tarxeta desde o dispositivo móbil. Trátase do único sistema en España que emprega validación con PIN. Autónomos, empresas e particulares xestionan de xeito rápido e cómodo, e en calquera lugar, os pagamentos con tarxeta da súa clientela. A solución válese do teléfono ou tablet do vendedor e dun pequeno lector de tarxetas sen fíos para realizar os cobros, o que permite unha sensible redución dos custos e simplificación do proceso.

David Pombar detallou na Radio Galega o nacemento do seu proxecto tecnolóxico xestado durante máis de ano e medio

A compañía SetPay naceu en xaneiro de 2012 e ten a súa sede en Santiago de Compostela, desde onde desenvolve as súas solucións, presta servizo e dá soporte a toda España. Os fundadores son Xavier Martínez Cobas, profesor universitario de Económicas, e dous informáticos, Xoan González Díaz e David Pombar Lourido, que o pasado mes de xaneiro pasaron ante os micrófonos da Radio Galega para explicar a súa iniciativa (programa dispoñible a través do servizo á carta da emisora pública).

O sistema de pagamentos comunícase por Bluetooth con dispositivos con iOS ou Android

PUBLICIDADE