O COETG reclama a cooperación entre o sector TIC e o da automoción para contribuír ao crecemento da nosa economía

luns, 28 de outubro do 2013 Redacción

O Gran Hotel da Toxa acolleu hoxe a XVIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2013, punto de encontro para os profesionais das telecomunicacións, as novas tecnoloxías e a Sociedade da Información, dedicada, nesta edición, ás TIC e a mellora da seguridade viaria. Un evento ao que asistiron destacadas personalidades autonómicas, provinciais e locais como a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez Casado, o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde López, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira Álvarez, e o alcalde de O Grove, Miguel Ángel Pérez García.
O acto, organizado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG‐AETG), congregou a preto de 300 profesionais das telecomunicacións, entre os que se atopaba unha delegación da Autoridade Nacional de Regulación das Telecomunicacións de Turquía que abriu a porta a futuros proxectos entre ámbolos países.
O decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, nunha das anteriores edicións da Gala das Telecomunicacións No marco da Noite o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro Olavide, avogou por establecer una colaboración estreita entre as telecomunicacións e a automoción, manifestando o convencemento de que ambos sectores punteiros, non só poden colaborar para levar a cabo grandes proxectos, senón que están obrigados a facelo, “porque xuntos están chamados a ser o motor de crecemento económico de Galicia”.
Neste contexto, Ramón Bermúdez de Castro lembrou que o sector TIC en Galicia dá emprego directo a 15.473 persoas, alcanzando unha facturación de 2.240 millóns de euros, o que representa un 2% do PIB galego. “Non podemos esquecer ademais que este sector supón un 25% do crecemento do PIB da UE e que contribúe en máis dun 40% ao incremento anual da produtividade do vello continente”, apuntou durante a súa intervención.

Premios Galicia das Telecomunicacións 2013


Durante a gala, o COETG tamén fixo entrega dos seus xa tradicionais premios Galicia das Telecomunicacións. Nesta ocasión, o director xeral de Imatia, Fernando Vázquez Núñez, foi nomeado Enxeñeiro do Ano 2013. Unha distinción instituída polo COETG para recoñecer o destacado labor profesional deste enxeñeiro de telecomunicación que, nacido en EE.UU. e coa dobre nacionalidade, apostou polo potencial de Galicia, desenvolvendo numerosos proxectos tecnolóxicos punteiros. Destaca, entroncando coa temática do evento, a súa colaboración con PSA Citröen nunha innovadora aplicación.
Durante o seu discurso, o director xeral de Imatia defendeu a necesidade de converter o potencial galego en empresas capaces de crear produtos e servizos diferenciados cos que se poida competir no mercado internacional. “De ser tradicionalmente un país importador de tecnoloxía, agora estamos en condicións de cambiar esa situación e empezar a ser un país capaz de crear e exportar a súa propia tecnoloxía”, afirmou durante a súa intervención.
O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro Durán, converteuse nesta XVIII edición da Noite en Socio de Honra da AETG, galardón co que se premia ás personalidades destacadas no apoio e na promoción das telecomunicacións, en recoñecemento ao compromiso que amosou co sector na súa etapa á fronte da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia.
O galardón “Gerardo García Campos” á Mellor Iniciativa Empresarial no Sector TIC correspondeulle, nesta edición, á empresa Confirmsign pola aplicación que leva o seu nome e que conta cunha clara orientación á internacionalización e consolidación de mercados e por ser unha iniciativa novidosa con proxección de crecemento.
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais concedéuselle ao proxecto MBeat de ImaxDI. Un innovador dispositivo que permite o telediagnóstico cardiolóxico en tempo real, acurtando os tempos e minimizando o dano cardiovascular, o que aporta un gran beneficio social aos pacientes e aos sistemas de saúde.
O Premio INEO ao Produto ou Servizo TIC máis innovador foi para a Plataforma Galega de Telexestión de Contadores PRIME para as redes eléctricas intelixentes, de Telecon Galicia, como proxecto industrial asentado na Comunidade galega que xerará novas oportunidades de desenvolvemento baseadas nos datos obtidos polo sistema e que abre a porta a novas aplicacións no estratéxico sector da eficiencia enerxética.
E o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC recaeu en Alejandro Nieto Lareo pola tese titulada Dynamically Reconfigurable Architecture for Embedded Computer Vision Systems, que aborda o problema real da limitación das arquitecturas de hardware dispoñibles para aplicacións de visión por computador.

PUBLICIDADE