O COETG e o Colexio de Médicos da Coruña organizaron unhas xornadas para impulsar as TIC na nosa saúde

martes, 28 de abril do 2015 Redacción

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) celebraba a pasada semana (23 e 24 de abril) na sede do Colexio Médico da Coruña as Xornadas sobre Aplicacións Móbiles en Saúde xunto co Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña co gallo de axudar aos facultativos a tirar proveito das novas tecnoloxías na súa práctica cotiá. Indo ao miolo do encontro, o día 23 a xornada comezaba cunhas nocións xerais sobre a aplicación de dispositivos móbiles na consulta médica, para o cal os médicos recibiron nocións básicas sobre as características importantes que era preciso coñecer dos diferentes dispositivos móbiles, especificacións técnicas, sistemas operativos, cobertura, seguridade, privacidade, etc.
Segundo informa o COETG, a actividade continuou cunhas recomendacións prácticas para a selección de aplicacións de saúde encamiñadas aos médicos. Logo desta introdución presentáronse varias aplicacións de saúde de interese para os médicos. O obxectivo destas aplicacións era: a procura de información médica, a axuda ao diagnóstico, información sobre medicamentos, interaccións de medicamentos, ferramentas e calculadoras médicas, actualización científica, a xestión de citas e tamén unha utilidade para facer máis doada a comunicación entre os doentes e os traballadores sanitarios de xeito independente e en diversas linguas.
O día 24 a xornada daba comezo cunhas explicación xenéricas sobre tecnoloxía e continuaba con diversas aplicacións médicas sobre: hipertensión, insuficiencia cardíaca, hipercolesterolemia, EPOC, dermatoloxía e diabete. Algunhas xornadas contaron tamén coa demostración de diferentes aparatos médicos de última tecnoloxía que se conectan aos dispositivos móbiles, como é o caso do medidor de tensión ou o oxipulsímetro.

PUBLICIDADE