O CESGA organizou unha xornada de difusión do IPv6

martes, 5 de abril do 2011 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) acolleu hoxe unha xornada titulada Preparando a Transición a IPv6, o Futuro de Internet, na que trataron o cambio de enderezos IP do protocolo IPv4 ao IPv6, encargándose de inaugurar o encontro a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, quen destacou que o despregamento do novo protocolo de direccións de Internet a IPv6 permitirá «novos servizos e aplicacións non só para usuarios senón para todo tipo de dispositivos avanzando cara o concepto da Internet das Cousas, un novo esquema no que os obxectos cotiás estean identificados e conectados á Rede».
A responsable de Modernización sinalou o papel que compete ás administracións públicas «que podemos contribuír á popularización de IPv6 con actos de difusión, pero tamén iniciando procesos para o despregamento deste protocolo na propia administración e por suposto, adquirindo equipamento que garanta o soporte completo a IPv6, despregando sitios Web, servidores de correo, e calquera outros servizos da administración pública visibles dende Internet, que soporten IPv6 ou utilizando sistemas operativos que admitan IPv6, etc.».
A xornada organizada polo CESGA combinou contido teórico e práctico e contou tamén coa intervención de Jordi Palet, membro da Task Force sobre IPv6 da Comisión Europea. Palet traballa desde hai anos no desenvolvemento, promoción e despregamento do protocolo IPv6.

PUBLICIDADE