O CDTIC acollerá o II encontro sobre a solución de almacenamento masivo de datos Ceph

domingo, 7 de abril do 2019 Redacción

A AMTEGA organiza o vindeiro día 10 de abril o segundo encontro sobe Ceph tralo éxito da primeira xornada celebrada o pasado ano, na que asistentes e poñentes amosaron a súa satisfacción e interese en repetir. A xornada leva por título II encontro sobre Ceph, unha solución aberta para a xestión masiva de datos no teu CPD e celebrarase nas instalacións do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela de 9:15 a 14:30 horas.
Ao longo da xornada presentarase a plataforma de código aberto Ceph, un sistema de almacenamento programable, distribuído e altamente escalable, que ofrece ás empresas unha alternativa ás solucións de almacenamento privativas e baseadas en hardware.
No programa da actividade inclúense os diferentes perfís e roles do seu ecosistema, co obxectivo de permitirlle ao público asistente aproximarse á plataforma Ceph desde diferentes ángulos e perspectivas coa intención non só de dala a coñecer a nivel teórico, senón tamén de achegar as necesidades para adoptala de forma práctica na organización.
A xornada conta coa inestimable colaboración das empresas Red Hat, SUPERMICRO, Colabora Ingenieros, Mellanox Technologies, Dinahosting, Aitire e Igalia.
Esta actividade está dirixida a analistas, arquitectos TIC, administradores de sistemas/almacenamento, CIO e, en xeral, ao sector TIC con necesidades de deseño, aprovisionamento software/hardware, implementación, despregamento e desenvolvemento de servizos de almacenamento distribuído e escalable.
A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

PUBLICIDADE