O BNG reclama un meirande apoio á programación aberta

venres, 24 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

O BNG volveu á carga esta semana nas súas críticas ao Goberno galego polo que considera unha “falta de vontade” perante a contratación de software libre, un tipo de programación que os nacionalistas galegos valoran como especialmente axeitada para a administración galega e, en termos xenéricos, para calquera outra administración: inclúe menor pago por licenzas, maior aproveitamento de recursos e substentabilidade e meirande capacidade de adaptación ás necesidades dos usuarios.
As críticas do BNG viñeron en boa medida da man da deputada Ana Luísa Bouza (na imaxe), quen lle formulou á Xunta unha pregunta sobre os motivos da contratación de licenzas de software pechado de Microsoft por un valor de 4 millóns de euros. A pregunta, por certo, obtivo rápida resposta do Goberno galego, como reflectimos hoxe nesta mesma web. Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización, fíxolle saber ao BNG que a aposta polo software libre da Xunta segue a ser firme, e que a compra de licenzas vén motivada porque non se pode rachar nun día coa infraestrutura tecnolóxica preexistente na Xunta.
Para o BNG, o apoio a Microsoft e a compra de dereitos invalida os discursos de apoio á programación libre. Os nacionalistas, neste senso, fan fincapé en que o problema non é novo. Xa en xuño de 2009, insisten, se deu conta da adxudicación dun contrato de licenzas Microsoft por valor de máis de 2 millóns de euros a través “dun procedemento sen publicidade”. Os nacionalistas apuntan a que “máis valería contratar a empresas galegas con capacidade sobrada para desenvolver software de base en estándares abertos, o que convertería este gasto público millonario nun investimento produtivo para Galiza”.
Por certo que en medios como Xornal.com, incídese en que o pago das licenzas non sería só para renovar os dereitos de emprego de software xa existente na Xunta, senón tamén para mercar 556 novas.
Sobre esta cuestión e outras, a Xunta lembra que sobran probas sobre o seu apoio ao software libre, e non só dentro da administración, para o que se asinaron diversos convenios con compañías galegas de programación aberta, senón tamén no eido da ensinanza galega. De feito, informa, a totalidade do proxecto ABALAR, que busca a dixitalización das nosas aulas, apóiase no emprego de ferramentas de software libre e, a maiores, cunha preferencia do idioma galego sobre outras linguas.

PUBLICIDADE