O BNG pídelle ao Goberno galego que siga a apostar pola programación aberta

xoves, 21 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

O Bloque Nacionalista Galego non está de acordo coa recente compra e renovación de licenzas de Microsoft que vén de anunciar o Goberno galego, unha operación dada a coñecer esta semana e que consistiría, en palabras da Xunta, nunha redución no gasto por estes dereitos (pasándose de pagar máis de 10 millóns a 4,7 polo mesmo período de tempo). Para os nacionalistas, o feito de seguir apoiando ao software privativo, sexa cal sexa o orzamento destinado, é un “grave incumprimento dos compromisos feitos pola actual Xunta a prol do software libre e os estándares abertos”.
Para o BNG, o feito aínda é máis grave se tempos en conta que na nosa terra hai actualmente moi boas alternativas aos programas de Microsoft, algunhas delas cen por cen galegas como os sistemas operativos Trisquel ou Galinux, adaptables á realidade da administración e con potencial de abondo para permitirlle un importante aforro.
As protestas do BNG tiveron resposta dentro do Goberno galego, quen sinalou que os case 5 millóns que a Xunta destinará a un software de carácter privado quedan pequenos “ao lado dos 10,5 millóns de euros que investiu o Goberno anterior polo mesmo período de tempo”. Asemade, o Executivo autonómico sostén que a compra de dereitos de Microsoft non impide nin vai impedir que se vaia apoiando a programación aberta da nosa terra ou para a nosa terra.

PUBLICIDADE