A Xunta reduce o seu gasto en licenzas de Microsoft

martes, 19 de outubro do 2010 Redacción

Coma comentamos hai pouco máis dun mes, o goberno galego mellora substancialmente a situación anterior situación coa compañía de Redmond tras renegociar o contrato para a adquisición de licenzas de software. A Xunta pasará de pagar 10,5 millóns de euros en 3 anos a 4,7 polo mesmo período de tempo, cumprindo así coa política de austeridade que está a aplicar o Goberno galego.
Esta redución de custos conséguese agrupando, por primeira vez, os contratos das consellerías e organismos dependentes da Xunta o que permite, maior transparencia na contratación, mellores condicións de compra e a redución de preto de 4.500 licenzas de Microsoft Office facilitando o impulso do software libre nos postos de usuario. De feito, non se adquire ningunha nova licenza de Office senón que se renova unha parte das existentes.
Non se trata dunha adxudicación masiva senón dunha negociación conxunta de contratos que permite aforrar un promedio do 37% en tres anos, reducir un 18% os prezos fronte á situación anterior na que cada consellería realizaba os concursos por separado e diminuír o número de licenzas de Microsoft Office para ir incorporando o OpenOffice nos postos de usuario. Cómpre destacar tamén que as licenzas non se desactivan e as aplicacións se poden seguir usando con total validez legal.
A racionalización do gasto en licenzas de Microsoft non é unha medida illada no impulso do software libre senón que está integrada na estratexia de promoción e impulso do código de fontes abertas que establece o Plan de Acción 2010 nesta materia. Un plan dotado con 800.000 euros para este ano que auna esforzos, aproveitando mellor os fondos públicos para achegar o software libre á Administración, á cidadanía e ao sector empresarial.

PUBLICIDADE