O Apple TV e o Mac mini baixan de prezo

mércores, 18 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Hoxe non só o iMac recibiu un novo modelo que rebaixou a súa barreira de entrada até os 1.129 euros, senón que tamén houbo outros produtos de Apple que mudaron, concretamente o seu prezo de venda, como é o caso do Apple TV e o Mac mini, que baixan os seus prezos 20 e 30 euros respectivamente, facéndoos máis asumibles para os consumidores.
Especialmente notable é a baixada de prezo do Apple TV, pois a caída do prezo de 119 a 99 euros ten un claro efecto psicolóxico, que podería animar aos usuarios a facerse con este trebello que permite tanto a reprodución de contidos multimedia en alta definición (especialmente de iTunes) no televisor como da proxección da pantalla ou cos contidos dun iPhone ou dun iPad a través da tecnoloxía AirPlay (moi popular para a realización de presentacións profesionais).
O caso do Mac mini é moito máis discreto, pois estes equipos de só 19,7 x 19,7 x 3,6 centímetros baixan os seus prezos base a 619 e 819 euros (cun procesador Intel Core i5 e 500 Gb de disco duro e procesador Intel Core i7 e 1 Tb de disco duro respectivamente), o que supón un aforro de só 20 euros.

PUBLICIDADE