O Administrador de dispositivos de Android incorpora o bloqueo remoto de terminais

martes, 24 de setembro do 2013 Marcus Fernández

O Administrador de dispositivos Android estreado a primeiros de agosto e que inicialmente permitía a localizalización de móbiles ou tablets extraviados vén de actualizarse para incluír non só as opcións de facer sonar, situar no mapa ou borrar os contidos remotamente, senón tamén para facilitar o bloqueo remoto do terminal, de xeito que cando perdamos un dispositivo con Android poderemos establecer un contrasinal de bloqueo, para dificultar o acceso aos seus contidos, pero sen ter que tomar a drástica medida de eliminalos completamente.
Esta función precisa que o noso dispositivo móbil con Android estea conectado á Internet para poder darlle as instrucións de bloqueo (no caso de non estar dispoñible, recibirá a orde de bloqueo cando volva conectarse á Rede), e tamén precisa dunha configuración previa, polo que recoméndase aos usuarios de dispositivos con Android que visiten o Administrador de dispositivos do seu sistema operativo móbil, para coñecer as posibilidades que ofrece Google a este respecto.

CyanogenMod camiña na mesma dirección

Para os usuarios con versións de Android que non cheguen directamente de Google, como as populares CyanogenMod, tamén están a chegar as funcionalidades de acceso remoto, e concretamente en CyanogenMod 10.1.3 incorporouse de xeito oficial o sistema de contas que facilita a localización de dispositivos extraviados e o borrado remoto (a función de bloqueo aínda non está dispoñible).

PUBLICIDADE