O 2 de marzo presentarase o novo iPad

mércores, 23 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Os rumores dos últimos días confírmanse, o vindeiro 2 de marzo Apple programa un evento que terá ao iPad coma protagonista segundo pode verse na imaxe promocional que a compañía de Cupertino remitiu aos medios convidados á presentación.
O evento terá lugar no Yerba Buena Center of Arts Theatre de San Francisco ás 7 da tarde (hora española) e de continuar a confirmarse as informacións que circulan con profusión nestas datas, Apple amosaría un novo tablet cunhas características semellantes ao anterior iPad, pero cun procesador máis potente, maior cantidade de memoria RAM e cámaras para facelo compatible coa videoconferencia de FaceTime.
As informacións que apuntarían a unha mellora da resolución de pantalla do novo iPad parecen carecer de solvencia, mentres que tamén se fala da posibilidade de que o novo trebello fágase agardar ata o verán, aínda que deberemos agardar unha semana para que Apple concrete os detalles do novo dispositivo.

PUBLICIDADE