Núñez Feijoo preside a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información no Grove

venres, 26 de outubro do 2012 Redacción

O presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a celebración da XVII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2012

No marco da XVII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2012 que organizaron no Gran Hotel de A Toxa o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), o presidente en funcións da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tivo a ben destacar que “un dos obxectivos estratéxicos da nova lexislatura será impulsar o sector TIC galego como elemento transformador do tecido empresarial da Comunidade”, así como que na actual conxuntura económica, o uso das TIC debe ser un dos instrumentos clave para saírmos reforzados da crise, grazas ao seu papel transformador das estruturas económicas, sociais e culturais.
O presidente da Xunta de Galicia referiuse á Axenda Dixital 2014.gal, “que dous anos despois da súa posta en marcha conseguiu avanzar na modernización da Administración e da Xustiza; na transformación do sistema educativo con iniciativas como Abalar; na vertebración territorial de Galicia grazas ao Plan de Banda Larga; na mellora continua da sanidade a través de proxectos tecnolóxicos nos que a comunidade é líder, como a receita electrónica ou o historial electrónico; e apoiando economicamente grandes proxectos tecnolóxicos innovadores. A estas medidas uniuse a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia”.
Tamén adiantou que na vindeira lexislatura aprobarán a Lei de desenvolvemento dixital de Galicia, que permitirá que a nosa comunidade continúe nunha boa posición no impulso das redes de telecomunicacións de alta velocidade na liña coas directrices marcadas pola Unión Europea, que establece que para o ano 2020 o 100% da poboación poida gozar de conexións á Rede de 30 Mbps e o 50% a 100 Mbps. Así mesmo, destacou a blindaxe das telecomunicacións como un servizo público máis para todos os galegos “e para conseguilo daremos continuidade á tramitación da Lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia”.

Tradicional fotografía familiar tomada durante o encontro

PUBLICIDADE