Numerosos xogos da primeira Xbox fanse compatibles con Xbox One

martes, 10 de abril do 2018 Marcus Fernández

Un dos puntos fortes das consolas Xbox One é, sen dúbida, a retrocompatibilidade, de xeito que inicialmente permitiron que, tras a autorización dos seus desenvolvedores, puidesen facer que vellos xogos de Xbox 360 puidesen correr na nova consola (mentres que para gozar dos xogos de PS3 en PS4 non existe unha solución semellante que non precise de volver pasar por caixa), e non quixeron deixar a cousa aí, e agora están a ampliar a retrocompatibilidade a títulos da primeira Xbox, para fortuna tanto de quen aínda os conserva como para quen non os puido xogar no seu momento e quere ter agora unha nova oportunidade.
Os xogos da primeira Xbox que estrearán retrocompatibilidade o vindeiro 17 de abril serán Blinx: The Time Sweeper, Breakdown, Conker: Live & Reloaded, The Elder Scrolls III: Morrowind, Hunter: The Reckoning, Jade Empire, Panzer Dragoon Orta e SSX 3; mentres que o 26 de abril a selección será especialmente forte, con Destroy All Humans!, Full Spectrum Warrior, Mercenaries: Playground of Destruction, MX Unleashed, Panzer Elite Action: Fields of Glory, Star Wars Battlefront, Star Wars Battlefront II, Star Wars Jedi Knight: Jedi Academy, Star Wars Jedi Starfighter, Star Wars Knights of the Old Republic II: The Sith Lords e Star Wars Republic Commando. Será posible gozar destes xogos en Xbox One tanto se conservamos o disco orixinal como se os mercamos en dixital.
Pero as novidades non se conforman con quedar aí, e Microsoft tamén anuncian novos xogos de Xbox 360 que recibirán melloras para os usuarios que teñan unha Xbox One X, e non serán títulos pequenos, xa que xunto a Sonic Generations (nova incorporación como retrocompatible), Darksiders, Gears of War 2, Portal 2 e Star Wars: The Force Unleashed, figura Red Dead Redemption, título que este ano recibirá secuela, polo que para os posuidores da máis potente Xbox hai un novo incentivo para revisar este xogo.

PUBLICIDADE