Novos operadores á vista: hai vida alén de Movistar, Vodafone e (agora) Orange

xoves, 26 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Co Nadal a piques de saturarnos coa sobredose de felicitacións e os inevitables recompilatorios póstumos de Queen ou Freddie Mercury, semella que o mercado das comunicacións móbiles tamén terá algo que dicir. E se cadra moito, porque non sempre ó longo dun ano se pode falar da entrada en xogo de varias compañías que se unen ás xa existentes (Vodafone, Orange e Movistar) para achegar servizos móbiles.
Estamos a falar de Carrefour, Xfera e Alcampo, que con maiores ou menores posibilidades toman posicións xa para convencernos de que hai máis vida alén das tres que até o de agora se viñan repartindo o pastel dos usuarios de celulares. Carrefour Móvil semella ser a primeira que move ficha. Faino este venres 27 (con modalidade prepago), converténdose así no cuarto operador de telefonía móbil no Estado, ofrecendo servizos ós seus clientes a través dos 153 hipermercados e 78 mercados que ten repartidos por España.
Carrefour Móvil empregará a infraestrutura de Orange e presentarase cunha tarifa única de 0,15 euros por minuto para chamadas a calquera hora, a fixos e móbiles, e con mensaxes de texto a 0,13 euros. No que se refire a Xfera, cómpre sinalar que estará operativa co nome de Yoigo a partir do 1 de decembro, sen tendas propias (empregará as de The Phone House) e cun obxectivo ben definido: chegar ós mozos, ás persoas maiores e ós imigrantes. Por último, Alcampo tamén anunciou que porá en marcha servizos de telefonía móbil, pero sen especificar cando. Só engade que será a medio prazo.

PUBLICIDADE