Novos detalles sobre Batman: Arkham City

mércores, 22 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Un dos xogos máis agardados para 2011 é Batman: Arkham City, pois tras o bo traballo por parte de Rocksteady Studios co anterior xogo do cruzado enmascarado o público agarda unha nova entrega que permita repetir a experiencia de Arkham Asylum, pero levada un paso máis adiante, o que parecen estar a conseguir polas informacións que van difundindo pinga a pinga.
Desta volta é a Revista Oficial de PlayStation no Reino Unido a que achega moita información sobre o novo xogo, coma que a zona de xogo será 5 veces maior que na anterior entrega (o que podería abrir a posibilidade de empregar vehículos), Batman voará coa axuda dun Grapple Boost e balancearase entre edificios, ampliaranse as posibilidades de combate (tendo que facer fronte incluso ata a 40 inimigos á vez), poderase correr polos tellados e incluso deslizarse por debaixo de obxectos. Incluso coméntase que haberá un modo cooperativo no que Catwoman botará unha man ao gardián de Gotham, aínda que sen detallarse se sería na historia principal ou nun novo modo de desafío.
Moitos destes detalles non están confirmados polo mero feito de que o equipo de desenvolvemento aínda non decidiu se incorporalos no xogo final, pero o proxecto parece ir a bo ritmo, polo que resulta indiscutible que nos vindeiros meses continuaremos a falar da súa evolución.

Batman poderá desprazarse entre edificios valéndose dun gancho
O sixilo tamén xogará un papel fundamental no xogo
O sistema de combate do xogo enriquecerase con novas técnicas

PUBLICIDADE