Novos detalles do xogo Spider-Man: Shattered Dimensions

venres, 23 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Activision soubo dosificar a información sobre o xogo Spider-Man: Shattered Dimensions, que chegará ás tendas en setembro, e que sorprenden por situar a acción en 4 universos paralelos, con versións diferentes do Home Araña. Agora, co gallo da Comic-Con de San Diego, coñécense xa oficialmente as versións do trepamuros que poderemos ver no xogo multiplataforma que achegarase á Xbox 360, a PlayStation 3, a Wii e a Nintendo DS, e non son outras que as rumoreadas: The Amazing Spider-Man (o personaxe clásico), Spider-Man Noir (unha versión escura ambientada en 1993, en plena Gran Depresión), Spider-Man 2099 (futurista) e Ultimate Spider-Man (adaptación remozada do personaxe, que nesta ocasión levará o traxe alieníxena que daría lugar ao personaxe Venom).
En Europa teremos o Shattered Dimensions o vindeiro 10 de setembro, e coma agasallo para os xogadores contará cunha dobraxe excepcional, co mestre do cómic Stan Lee facendo de narrador nos 4 universos do xogo, mentres que Spider-Man terá distintas voces en cadansúa encarnación, que serán obra de actores coma Neil Patrick Harris (popular pola serie de televisión Cómo conocí a vuestra madre), Josh Keaton, Dan Gilvezan e Christopher Daniel Barnes, quen xa puxeran voz ao lanzarredes en distintas series de televisión.
Aínda non temos certos detalles de cara á comercialización española do xogo, pero nos EE.UU. xa se anuncia que as tendas GameStop, Amazon.com, Kmart e Best Buy facilitarán aos seus clientes códigos para desbloquear traxes alternativos do Home Araña, coma serían a súa versión manga, a versión acorazada, Araña Escarlata (un clon de Peter Parker) e unha versión da Zona Negativa.

Algúns dos traxes alternativos de Spider-Man que poderán desbloquearse


Trailer de Spider-Man: Shattered Dimensions esterado na Comic-Con de San Diego

PUBLICIDADE