Novo xogo de God of War para PSP

mércores, 3 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Unha descarga permite incorporar a Deimos coma personaxe xogable

Chains of Olympus, a primeira entrega da saga de God of War para a consola portátil de Sony está considerado coma un dos mellores xogos desta plataforma, polo que non sorprende a ninguén que decidisen lanzar Ghost of Sparta, unha secuela que hoxe chega ás tendas europeas e que nas vindeiras semanas tamén poderá mercarse coma título descargable na PlayStation Store por 26,99 euros.
Ready At Dawn Studios volven a conseguir con este título un acabado semellante ao da anterior entrega, situando nesta ocasión ao noso heroe Kratos nunha busca na que enfrontarase aos seus pesadelos e na que darase resposta a preguntas sobre a familia, a cicatriz e a tatuaxe da Pantasma de Esparta.

Tema estático do xogo para a PSP

Ao mercar a edición completa de God of War: Ghost of Sparta poderase acceder a contido adicional coma un código de descarga para incorporar ao xogo coma personaxe xogable a Deimos (quen aparecía en God of War III).
Os usuarios que merquen durante a primeira semana o xogo na PlayStation Store poderán acceder tamén a un avatar de Kratos para a PlayStation Network, a banda sonora do xogo, un tema estático para a PSP, unha pel que converte a Kratos nun lexionario e un tema dinámico que recolle o momento no que Kratos visita o palacio de Hades en God of War III.
Dende Sony tamén lembran que na aplicación de Kratos en Facebook é posible participar nunha competición na que será posible facerse cunha PSP 3000 cunha copia deste novo xogo.


Trailer do xogo

PUBLICIDADE