Novas tarifas roaming para os clientes de Movistar

xoves, 19 de xuño do 2008 Raquel Noya

Telefónica vén de anunciar as súas novas tarifas diarias de roaming que ofrecen prezos reducidos en Europa (por menos de un euro ó día) tanto para os clientes habituais como para as novas altas.
Dende o pasado 18 de xuño e ata o vindeiro 17 de setembro, os usuarios desta operadora que viaxen por Europa poderán gozar de chamadas entrantes a 0 euros/minuto e dun prezo de 0,15 euros por cada mensaxe de texto que envíen (SMS), unha rebaixa de máis do 50 por cento na tarifa que se viña aplicando polo uso deste servizo.
Esta promoción é aplicable tanto aos contratos como ás tarxetas prepago e posto que non require o pago dun pago pola alta, os clientes interesados tan só terán que solicitala chamando ó 4455 ou enviando un SMS coa palabra “alta” ao 4555.
Por outra banda, coa fin de facilitarlle ó usuario o coñecemento do seu gasto en chamadas e datos en roaming, Telefónica vén de anunciar que aplicará varias “medidas de transparencia”, consistentes nun servizo de información de tarifas en mobilidade de balde para cando os clientes viaxes a un país da Unión Europea e nun software de conexión a Internet dende o portátil (o Escritorio movistar) que conta os MB consumidos en itinerancia, separa o tráfico nacional do de roaming e permite establecer límites con notificacións cando sexan superados.
Telefónica anunciou que todas estas medidas están encamiñadas a “facilitar o emprego” dos servizos móbiles en itinerancia dos clientes Movistar nos seus desprazamentos polos países europeos.

PUBLICIDADE