Nova liña de subvencións para incubadoras e residencias audiovisuais

xoves, 22 de febreiro do 2024 Redacción

O presidente Alfonso Rueda puxo en valor a decisión do Consello da Xunta de hoxe de aprobar as bases dunha nova liña de axudas dirixida ao audiovisual galego, achegando un investimento de 200.000 euros para que entidades privadas galegas organicen laboratorios, incubadoras ou residencias para “a formación e o asesoramento” tanto na creación como no desenvolvemento de novos proxectos para cinema e televisión.
Rueda explicou que esta nova liña de axudas se suma de xeito extraordinario ao programa de axudas ao sector para 2024, a través do cal a Consellería de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades investirá “máis de 5,8 millóns de euros” nas diferentes fases do proceso audiovisual, en referencia á preprodución e ás rodaxes e inclúe tamén a promoción de festivais e a comercialización das obras.
Esta nova liña de axudas entronca nos seus obxectivos coa tamén nova convocatoria para a escrita de guións e coas dirixidas á promoción do talento audiovisual galego e ao desenvolvemento de proxectos, todas elas centradas na fase previa á rodaxe dos filmes ou series. No caso do apoio a laboratorios e residencias, búscase contribuír á xestación e mellora de novas propostas para garantir a calidade e a solidez necesarias no seu camiño á fase de produción e, xa que logo, a súa viabilidade artística, técnica e financeira.

Axudas de até 50.000 euros

As bases establecen unha porcentaxe de axuda de ata o 80% do orzamento subvencionable, cun límite de 50.000 euros por encontro, para financiar diferentes gastos relativos á organización de laboratorios, incubadoras ou residencias desenvolvidas no período que vai desde a data de publicación da convocatoria ata o 15 de agosto de 2025. Entre outros requisitos, deben contar cunha edición xa celebrada na que participasen, cando menos, dous proxectos de creación e/ou produción galega.
Para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, establécese un baremo de valoración que, entre outros aspectos, primará tanto o número de propostas galegas incluídas na edición inmediatamente anterior como a porcentaxe que se lles reserva naquela para a que se solicita a subvención. Tamén se terá en conta a porcentaxe reservada especificamente a proxectos de autoría feminina.

PUBLICIDADE