Nokia presenta unha aplicación para crear historias</Em> coas nosas fotografías

martes, 22 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Para poder destacar fronte a outros competidores dentro do mercado de terminais móbiles con Windows Phone 8, Nokia optou por incorporar nos seus terminais boas cámaras, unha construción robusta e aplicacións exclusivas, combinación que conseguiulles facerse practicamente co 90% do mercado dos móbiles co sistema operativo de Microsoft, e avanzando nesta dirección presentaron hoxe Nokia Storyteller.
A nova aplicación integra as imaxes que tomemos co móbil coa información de localización achegada a través de HERE, para crear mapas cronolóxicos dende os que poder seguir as nosas viaxes. Deste xeito, dende a aplicación Nokia Storyteller será posible facer un repaso interactivo das nosas visitas turísticas e incluso amosar esas experiencias a través de imaxes animadas, vídeos e fotografías intelixentes levando as nosas historias á vida.
A nova aplicación presentouse co Nokia Lumia 1520, pero é de agardar que estea dispoñible para case todos os smartphones da familia Lumia nos vindeiros meses, como aconteceu con moitas outras ferramentas fotográficas desenvolvidas por Nokia.


Vídeo de presentación da aplicación Nokia Storyteller

PUBLICIDADE