Nokia aposta pola tecnoloxía NFC para a transmisión musical sen fíos

martes, 21 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Coincidindo co anuncio do Nokia N9, móbil que combina o sistema operativo MeeGo con tecnoloxía NFC serviu á compañía finlandesa para dar tamén a coñecer novos periféricos para a reprodución musical dos que 2 destacan precisamente por contar con conectividade NFC. Temos así o altofalante Nokia Play 360º, que facilita escoitar música cos amigos sen altofalantes, ofrecendo son omnidireccional e que pode recibir a música a través de NFC, Blueooth ou unha toma de audio de 3,5 milímetros, que comercializarase en 3 cores distintas por 149 euros.
O outro dispositivo compatible con NFC é o Nokia Wireless Music Receiver MD-310 que facilita a reprodución musical a través de practicamente calquera equipo de son estéreo, recollendo o sinal en calidade CD tanto a través de NFC como de Bluetooth. O seu prezo será de 59 euros.
Fronte a Bluetooth, os mencionados dispositivos poden empregar NFC, entre outras cousas, para un uso máis doado, pois a conexión entre un móbil con NFC (como o Nokia N9) e estes receptores acádase simplemente dando un toque co móbil sobre o logotipo de NFC presente no Play 360 ou no MD-310.
Para rematar coa reprodución multimedia sen fíos, tamén teremos agora o Nokia Bluetooth Stereo Headset BH-111, un auriculares Bluetooth que poranse á venda en 5 cores distintas, teñen unha autonomía de ata 6 horas de reprodución musical 7 horas de conversa como mans libres para o móbil e 120 horas en espera. O seu prezo será de 39 euros cando cheguen ás tendas no verán, mentres que os trebellos con NFC antes mencionados non chegarán ata o terceiro trimestre do ano (entendemos que para simultanear o seu lanzamento co do Nokia N9).


O Nokia Play 360º explicado en vídeo


Markus Ahonen explica o receptor sen fíos MD-310


Animada presentación dos auriculares Nokia Bluetooth Stereo Headset BH-111

PUBLICIDADE