No outono teremos Sports Champions 2 para PS Move

luns, 20 de agosto do 2012 Marcus Fernández

No lanzamento de PlayStation Move destacaba especialmente o xogo Sports Champions, que era practicamente un calco de Wii Sports para a consola doméstica de Sony, demostrando que a PS3 podía achegar unha experiencia de xogo semellante á da consola de Nintendo, e que agora van contar cunha segunda entrega que de seguro que agradecerán quen gustase deste tipo de xogo para gozar en familia.
Sports Champions 2 vai chegar ás tendas norteamericanas o 30 de outubro (agárdase que a España chegue no mesmo mes, pero a data de lanzamento aínda non se comunicou oficialmente) e desta volta contará con deportes como o boxeo, o golf, os bolos, o esquí, o tenis e un novo modo actualizado de tiro con arco. Como novidades o xogo contará cun Modo Festa, un modo de xogo co que os xogadores poderán competir cos seus amigos e familiares en torneos multideporte e personalizados, podendo modificar o seu personaxe e crear perfís de xogador con seguimento de estatísticas individuais. Non faltarán os modos Xogo pola Copa, Free Play, os desafíos, as clasificacións en liña, a conexión con Facebook, compatibilidade con 3D estereoscópico e funcións de PlayStation Network.

O xogo contará cun novo modo de tiro con arco
O boxeo será un dos deportes presentes en Sports Champions 2

PUBLICIDADE