Nintendo rebaixa as súas previsións para o vindeiro trimestre

mércores, 30 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Nintendo vén de publicar os seus resultados financeiros para o terceiro trimestre fiscal (dispoñible en formato PDF) así como a modificación das súas previsións para o ano fiscal (tamén en PDF), que tiveron que axustarse á baixa despois de rexistrar só 3,06 millóns de consolas Wii U e 11,69 millóns de xogos para tal plataforma (dos que 2,33 millóns corresponderían a Nintendo Land e 2,01 millóns a New Super Mario Bros. U), matizando tamén que as vendas de Wii U supoñen un impacto negativo nos beneficios de Nintendo (algo habitual no lanzamento de novas consolas).
Dende Nintendo estiman que de aquí a marzo o número de Wii U vendidas serán de só 4 millóns (cando o prognóstico inicial era de 5,5) e tamén tiveron que reducir as estimacións de vendas da Nintendo 3DS (de 17,5 a 15 millóns) e da Nintendo DS (de 2,5 a 2,3 millóns), polo que máis que un mal funcionamento das novas consolas estariamos ante uns axustes que parecen ser consecuencia da conxuntura económica actual e do incremento da competencia (que non chega dende o propio sector, senón a través de smartphones e tablets, que cada día collen máis peso no lecer electrónico).
Aínda que Nintendo teña que axustar as súas previsións, as súas cifras de negocio están a mellorar, conseguindo un beneficio neto de 14.545 millóns de iens nos primeiros 9 meses do ano fiscal, cando o ano pasado rexistrara unhas perdas de 48.351 millóns de iens. Cómpre matizar que un dos factores que están a afectar máis seriamente ao volume de operacións de Nintendo é a cotización do ien, que parece seguir a perder forza.

PUBLICIDADE