Nintendo presentou no E3 unha serie de novidades continuistas

martes, 2 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Esta tarde Nintendo dispúxose a dar a segunda grande conferencia do E3, pero a compañía nipona pecou de falta de risco e innovación, limitándose a anunciar xogos e periféricos coñecidos polo público, e limitando as novidades a uns poucos xogos de franquías coñecidas que, aínda que posiblemente sexan recibidos cos brazos abertos polo público, dificilmente están a altura das presentacións de anos anteriores nas que presentaran novidades como a Wii ou o Wii Fit.
A conferencia de Nintendo contou coa condución de Cummy Dunaway, que para comezar forte presentou xuntou a outros 3 xogadores o que será o New Super Mario Bros.Wii, un xogo de plataformas que conserva o estilo 2D puro dos xogos de Mario, pero tirando proveito dun modo de xogo cooperativo para facelo máis divertido, e que sen apenas novidades de seguro que vai ser todo un éxito de vendas.
No tocante ao hardware, cumpríronse as predicións, e Nintendo anunciou que daría un paso adiante na súa Táboa de Equilibrio co Wii Fit Plus (que mellora a recepción de movementos con respecto do seu popular predecesor) e fixeron unha demostración das posibilidades do Wii MotionPlus, centrándose especialmente no xogo Wii Sports Resort (aínda que haberá máis títulos que o aproveiten). De todos os xeitos non deixa de resultar un tanto chocante que dende Nintendo anuncien con tanta ilusión unha chea de características que Wii MotionPlus achega ao Wiimote, cando xa prometían tal precisión para o Wiimote orixinal (polo que haberá que agardar para comprobar en persoa se en realidade cumpren co que prometen).
Como curiosidade, Satoru Iwata comentou que preparan o lanzamento do Wii Vitality Sensor, unha especie de dispositivo que se coloca nun dedo, e que controla o noso pulso e o noso estado de ánimo, o que nos leva a pensar que podería ter algo que ver co Emotional Training que está a preparar a galega Continental Games.
No tocante aos xogos, a Nintendo DS recibirá interesantes títulos nos vindeiros meses, coma Kingdom Hearts 358/2 Days, Mario and Luigi RPG: Bowser’s Inside Story, COP: The Recruit (un sorprendente xogo de acción en terceira persoa que sorprendía polo seu nivel gráfico), Mario vs Donkey Kong, Golden Sun DS, e algún outro título máis. E falando da portátil de Nintendo, tamén anunciaron que a Nintendo DSi poderá compartir as fotografías que tome en Facebook.
A Wii tamén contou con varios xogos importantes anunciados, coma os esperados The Conduit, Resident Evil: The Darkside Chronicles e Dead Space: Extraction, á vez que se anunciou o Super Mario Galaxy 2 (que parece unha secuela moi tradicional) e Metroid: Other M (que nace da colaboración de Nintendo co Team Ninja).

Trailer do Wii Sports Resort, xogo que fai uso do Wii MotionPlus


Super Mario Galaxy 2 será unha secuela sen pretensións


O Team Ninja encárgase da nova entrega de Metroid

PUBLICIDADE