Nintendo presentou as novidades para Switch que chegarán nos vindeiros meses

xoves, 14 de setembro do 2023 Marcus Fernández

A pasada tarde emitiuse un Nintendo Direct no que queda claro que a Nintendo Switch aínda ten moito que dicir no que probablemente sexa o remate da súa vida (xa que está previsto que teña consola sucesora o ano que vén), pois tanto contará con expansións de xogos actuais, títulos de peso completamente novos e versións de xogos que foran un éxito en consolas anteriores.
No que se refire a remakes sorprendeu o anuncio de Paper Mario: La Puerta Milenaria, un grande título que no seu día saíra para GameCube e que en 2024 volverá con gráficos renovados, abríndose a un público moito máis amplo do da súa consola orixinal; o clásico Mario vs. Donkey Kong de Game Boy tamén é outro xogo que renace, estando datado o seu lanzamento o vindeiro 16 de febreiro; o Super Mario RPG de Super Nintendo chegará bastante máis cedo, o 17 de novembro; o Luigi’s Mansion 2 HD tamén será un título moi agardado, xa que supón a recuperación dun grande éxito para Nintendo 3DS, que no verán de 2024 ofrecerá gráficos mellorados; Another Code: Recollection xuntará as dúas entregas de Another Code, lanzadas para Nintendo DS e Nintendo Wii respectivamente, incluíndo melloras para que poidan gozarse dignamente en Switch;aínda que probablemente entre as recuperacións de clásicos sorprenda máis que vaian lanzar o 14 de febreiro de 2024 Tomb Raider I-II-III Remastered, ou sexa, unha restauración das tres primeiras aventuras de Lara Croft, que deron pé a unha franquía de grande éxito (aínda que pouco presente en consolas de Nintendo).
Un anuncio retro bastante interesante foi que o xogo de carreiras F-ZERO, clásico da Super Nintendo, pasaba agora a incorporarse ao catálogo se Nintendo Switch Online como F-ZERO 99, coa posibilidade de competir contra 99 xogadores.
Tamén se deu conta do vindeiro pase de expansión de Splatoon 3, dos novos contidos para Mario Kart 8 Deluxe, do regreso de Detective Pikachu, e, como prato forte, desvelouse o xogo Princess Peach: Showtime!, título protagonizado pola Princesa Peach, dignificada no filme de animación de Super Mario Bros., de xeito que conseguiu relevancia dabondo para protagonizar un xogo no que non será a dama en apuros nin terá nada que ver co seu amigo fontaneiro, senón que contará cunha historia totalmente orixinal, na que a herdeira do Reino Champiñón visitará o Teatro Esplendor e terá que enfrontarse á malvada Grape e á Compañía Malaúva para salvar o espectáculo. Nesta aventura a princesa transformarase nunha mestra da espada, nunha detective, nunha reposteira e nunha experta en Kung-Fu para superar distintos desafíos que engadirán moita variedade e diversión a este xogo que verá a luz o 22 de marzo de 2024.

Nintendo Direct íntegro

PUBLICIDADE