Nintendo obtén catro premios no mercado inglés da man de MCV

venres, 20 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

A estas alturas, a casa Nintendo debe ir pola 50ª botella de champán. E non é para menos: a compañía vén de obter o respaldo definitivo do mercado inglés tras recibir até catro premios (Industry Excellence Awards 2007) da man de MCV: Mellor editora de xogos, Mellor equipo de marketing, Mellor Equipo PR (ó carón de Cake, a súa axencia en Gran Bretaña), amais do galardón Grand Prix.
Asemade, Microsoft tamén obtivo recoñecementos, concretamente á Mellor Campaña de xogos polo seu Gears of War, un produto de estratexia creado por Epic Games e que foi lanzado ó mercado en 2006 para a consola da devandita compañía, a Xbox 360 (foi un dos títulos polos que máis deveceron os seareiros o ano pasado).
Outro dos vencedores da noite foi Guitar Hero como Mellor nova franquicia de xogos. Cómpre lembrar que Guitar Hero é un produto especialmente dirixido ós afeccionados á música do noso tempo (confirma a tendencia de novos vieiros de mercado para a industria). Harmonix Music Systems é a empresa responsable do seu desenvolvemento e está actualmente dispoñible para PlayStation e Xbox 360. O xogo xira arredor dun reto coa mítica guitarra Gibson SG, a mesma que serviu de base a unha boa parte da música rock e blues do século XX.

PUBLICIDADE