Nintendo estrea unha canle de YouTube para achegarse ás mozas británicas

martes, 18 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

A actriz Jorgie Porter pon rostro á canle de YouTube co que Nintendo quere comunicarse coas mozas británicas

Ata hai poucos anos o mundo dos videoxogos parecía poboado unicamente polo público masculino, pero compañías como Nintendo souberon conquistar a mulleres e mozas, especialmente coas súas consolas portátiles, e queren seguir a mimar a tal público, de aí que Nintendo no Reino Unido veña de crear unha canle de YouTube do Nintendo Girls Club (Club de Mozas Nintendo) no que recollen trailers de xogos que recomendan para rapazas e, especialmente, vídeos creados especialmente para esta canle, na que presentan xogos.
Para comezar temos á actriz Jorgie Porter (da serie televisiva Hollyoaks) que comparte co público a súa paixón polo xogo Animal Crossing: New Leaf para Nintendo 3DS (mentres sostén na man unha Nintendo 2DS) e que parece que será o primeiro dunha serie de entregas semanais nas que veremos á actriz falar de xogos do agrado das raparigas.
Tamén teremos outra serie de vídeos semanais que, desta volta, estarían protagonizados pola videoblogueira Mandy Hynes, quen comeza facendo un unboxing das consolas Nintendo 3DS, 2DS e 3DS XL.
Haberá que ver se este tipo de contido calla entre o seu público obxectivo, e este tipo de achegamento ás rapazas funciona, trasladando á Rede iniciativas como a revista de videoxogos Girl Gamer, publicación oficial de Nintendo no Reino Unido, país no que parece ser pioneira a compañía nipoa neste tipo de iniciativas.


Vídeo de presentación do Nintendo Girls Club

PUBLICIDADE