Nintendo estrea WiiWare nos EE.UU.

martes, 13 de maio do 2008 Marcus Fernández

Final Fantasy Crystal Chronicles: My Life as a King será o xogo estrela en WiiWare

Nintendo finalmente estreou nos EE.UU. a súa canle de descargas de software para a súa consola doméstica, WiiWare, que abre a porta a pequenos desenvolvementos para a Nintendo Wii, no que parece a resposta ao Xbox Live Arcade de Microsoft, e que comeza con 6 xogos: Final Fantasy Crystal Chronicles: My Life as a King, LostWinds, Defend Your Castle, Pop, V.I.P. Casino: Blackjack e TV Show King.
Esta biblioteca de xogos descargables medrará de xeito importante nos vindeiros meses, e se estima que na actualidade hai preto dun cento de títulos en desenvolvemento, polo que a oferta de lecer para Wii medrará a bo ritmo. Estas descargas custarán entre 500 e 1.500 Puntos Wii (entre 5 e 15 dólares).
En Europa, pola contra, deberemos agardar ao 20 de maio para a estrea de WiiWare, e a listaxe de títulos dispoñible será bastante ampla (aínda que non todos se poderán descargar dende o primeiro día): Dr. Mario & Germ Buster, Final Fantasy Crystal Chronicles: My Life as a King, LostWinds, Pirates: The Key of Dreams, Pop, Star Soldier R, Toki Tori e TV Show King.
O xogo de Final Fantasy Crystal Chronicles: My Life as a King será o único que chegue polo momento aos 1.500 Puntos Wii (uns 15 euros), pois tamén será o de máis calidade, xa que se trata dun produto do nivel ao que nos teñen afeitos dende Square Enix e está soportado polo éxito dunha franquicia que vendeu máis de 80 millóns de xogos nos últimos 21 anos.

PUBLICIDADE