Nextvision achega o 30 de maio no CNTG un seminario técnico sobre seguridade en redes sen fíos

martes, 30 de abril do 2013 Redacción

A empresa Nextvision volve ao Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia con coñecemento innovador que compartir, logo da súa experiencia arredor das diferentes técnicas e metodoloxías para protexermos os nosos datos en caso de accidente. Desta volta, é a quenda de informar de recursos para salvagardar información que viaxa dun lado a outro sen infraestruturas físicas. O seu seminario técnico sobre seguridade en tecnoloxías sen fíos (baseado en OWISAM, Open Wireless Security Assessment Methodology) celébrase o vindeiro 30 de maio no centro compostelán, en horario de 9.30 a 13.30 horas.
A metodoloxía OWISAN, como lembraremos, xorde co obxectivo de definir técnicas abertas e colaborativas que sexan quen de achegar (colectivamente) controis de seguridade eficaces sobre redes sen fíos. A licenza OWISAM é Creative Commons, estando permitido o seu uso, modificación e reprodución por calquera persoa. Durante o seminario, tras introducir aos asistentes nos diversos estándares e o futuro das redes Wi-Fi, serán obxecto de revisión os principais riscos e a necesidade de fornecer de seguridade a Rede para, finalmente, centrarse na metodoloxía OWISAM, os seus principais controis e a súa utilización.
O curso vai dirixido sobre todo a administradores de redes e de sistemas, analistas de seguridade e, en xeral, a perfiles técnicos que exerzan e/ou orienten a súa actividade no ámbito da seguridade ou da administración de sistemas e/ou estean interesados en obter información e/ou coñecementos relacionados con metodoloxía. O relator da xornada será Andrés Tarascó Acuña, colaborador habitual do CNTG e experto en seguridade informática e hacking ético con máis de 10 anos de experiencia no eido da auditoría, na que realizou traballos a nivel internacional no ámbito da seguridade da información. O prazo de inscrición estará aberto dende o luns 29 de abril ata o día 29 de maio. Esta sesión poderá ser seguida por videoconferencia a través das aulas da rede CeMIT localizadas en A Coruña (Eirís), Carballiño, Celanova, Lalín, Pontevedra, e Vilagarcía.

PUBLICIDADE