Nextvision impartirá no CNTG un seminario sobre protección dos datos ante incidentes

mércores, 15 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa Nextvision, con sede en Santiago, vai impartir o vindeiro 14 de marzo, na mesma cidade galega, un seminario técnico sobre Xestión e protección de incidentes de seguridade. Nextvision, que desenvolverá a actividade no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) de 9.30 a 13.30 horas, ten unha ampla experiencia en divulgación e en aplicación de coñecementos e recursos encamiñados a favorecer un óptimo uso dos datos nas empresas, fomentando a súa salvagarda e protección. De feito, tal e como reflectimos en Código Cero, foi unha das primeiras empresas do sector en incidir no risco empresarial de empregar de xeito incorrecto as redes sociais.
No decurso da xornada do día 14 de marzo, abordaranse aspectos relacionados coa problemática da seguridade da información tales como as inxeccións SQL (ataques e impacto), os ataques contra procesos de autenticación, mecanismos de defensa e monitorización (solucións de software libre) e a definición e establecemento de roles de seguridade.
A xornada vai especialmente dirixida a persoal técnico, tanto do sector público como privado, enxeñeiros/as de software, administradores/as de redes e sistemas e , en xeral, calquera persoa de perfil técnico, por exemplo desenvolvedores, interesada na temática.
O relator da xornada será Andrés Tarascó Acuña, experto en seguridade informática e hacking ético con máis de 10 anos de experiencia no eido da auditoría, na que realizou traballos a nivel internacional no ámbito da seguridade da información. Segundo nos informa o CNTG, Tarascó “desenvolve o seu traballo de seguridade informática en actividades relacionadas con tests de intrusión, análise forense dixital, avaliación de riscos tecnolóxicos en organizacións e no desenvolvemento de solucións de software orientadas a protexer e monitorizar as infraestruturas dos seus clientes”.
O acceso, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo del local. Para obter un certificado de asistencia ao acto será obrigatoria a previa inscrición no mesmo.
O prazo de inscrición estará aberto do 15 de febreiro ata o 13 de marzo

PUBLICIDADE