Netflix culpa a Movistar dos problemas de calidade do seu servizo en España

xoves, 19 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Tras a chegada de Netflix a España cobrou moita relevancia o debate sobre a neutralidade da Rede xa que daba a impresión de que podiamos ter diante un caso de discriminación do tráfico dun servizo audiovisual, xa que numerosos clientes de conexións de fibra óptica de Movistar denunciaban que durante o horario de prime time non podían gozar satisfactoriamente do servizo, xa que o recibían con pouca calidade, sendo incluso imposible reproducir os vídeos en alta definición, o que resultaba inaceptable para conexións de 300 Mbps, e aínda que dende Movistar deixaron claro que non estaban a discriminar o tráfico de Netflix, parece evidente que as redes de ambas compañías non están ben conectadas, o que provoca os problemas que padecen os usuarios finais e que segundo Netflix terían unha doada solución, de aí que acusan a Movistar das incidencias.
Concretamente o vicepresidente e responsable de comunicacións para Europa, Oriente Próximo e África de Netflix, Jories Evers, é que asegura que son conscientes dos problemas de calidade na rede de Movistar/Telefónica durante as horas punta das noites, o que provoca que non se reproduzan os vídeos con calidade e tarden en iniciarse, e detalla que antes do lanzamento de Netflix no noso territorio contactaron cos operadores locais ofrecéndolles a posibilidade de conectar coa súa rede sen custos, o que aceptaron o resto de provedores, pero Movistar non.
A rede de distribución de contidos de Netflix (Netflix Open Connect) conta cun punto de presenza en Interxion en Madrid, instalación na que a rede de Telefónica/Movistar tamén está presente, polo que a conexión entre ambas redes seria realmente sinxela, polo que só faltaría vontade por parte do operador para facelo.
Ao parecer, Movistar pretende cobrar a Netflix para mellorar a conexión entre as súas redes, o que non consideran aceptable dende o provedor de vídeo baixo demanda (considerando que este tipo de política resulta perigoso, creando unha discriminación dos servizos en liña que iría contra o principio de neutralidade que defenden), polo que instan aos clientes de Movistar a amosar o seu descontento á súa compañía e ante os defensores dos consumidores locais.
Tamén adianta Evers que o vindeiro 14 de decembro publicarán o seu Índice de Velocidade dos Provedores de Servizos de Internet incluíndo os datos de España, Italia e Portugal, e que actualizarase mensualmente, de xeito que os consumidores poderán saber os provedores que ofrecen a mellor calidade de Netflix en hora punta, e no que claramente Movistar quedará en mal lugar por decisión propia.

PUBLICIDADE