Algúns usuarios da fibra de Movistar denuncian que non poden gozar satisfactoriamente de Netflix

martes, 27 de outubro do 2015 Marcus Fernández

A unha semana da estrea de Netflix en España, comeza a replicarse no noso territorio unha polémica que tivo lugar no resto de mercados onde opera o servizo de vídeo baixo demanda: os problemas por parte de moitos usuarios para poder gozar do streaming de vídeo con calidade. Concretamente son os clientes de conexións de fibra óptica de Movistar con velocidades de acceso á Rede a 300 Mbps os máis indignados coa situación, pois pese a ter unha conexións cunha capacidade extraordinariamente superior á requirida por Netflix, atopan dificultades ao cargar e moverse polos vídeos, cando os mesmos usuarios comproban como con conexións con menos da décima parte de capacidade doutras compañías non teñen tal problema.
Coméntase que os problemas poden ser consecuencia de que Movistar non ten acordos de peering con Amazon Web Services (AWS), plataforma de servidores que achega os contidos de Netflix ao usuario final, de xeito que a capacidade de intercambio de datos entre AWS e Movistar sería inferior á que demandarían os propios usuarios, e hai informacións que apuntan a que Movistar estaría a estudar a situación, aínda que non hai manifestacións oficiais a tal efecto.
O que si se está a comentar é que a partires do mes de decembro Netflix publicará os datos sobre os operadores nos que o seu servizo funciona mellor, polo que operadores como Movistar deberían reaccionar rápido se non queren quedar en mal lugar, e instar a algún usuario insatisfeito a mudar de compañía de telecomunicación como Vodafone (que si ten un acordo de peering para que a experiencia de Netflix sexa o mellor posible).

PUBLICIDADE